Thursday 02 de May de 2024

O Concello declara a “cota cero” nos servizos básicos para as persoas sen recursos


 

As persoas que reciban o IPREM (537 euros/mes) non pagarán polos servizos básicos de subministración de auga, depuración, lixo e saneamento

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá, en sesión extraordinaria, as modificacións das ordenanzas fiscais que entrarán en vigor en 2020 co fin de “garantirlles ás persoas sen recursos o acceso aos servizos básicos”, explicou o concelleiro de Economía e Facenda e portavoz de Goberno local, José Manuel Lage.

As modificacións establecen unha cota cero e bonificacións para as persoas con menos recursos que están en risco de exclusión social nos servizos de depuración, saneamento, subministración de auga potable e tamén na taxa de lixo. Lage Tuñas explicou que se introduce “o dereito humano ao acceso á agua potable”, xa que todas as persoas que reciban o IPREM (537 euros/mes) ou outros subsidios de menor contía non pagarán por eses servizos e taxas e quen gañe 1,5 veces o IPREM (805 euros/mes), terá unha bonificación do 75% nestes servizos e taxas municipais.

Entre as novidades, destacou o concelleiro, figura a ordenanza que ten como obxectivo lograr unha cultura de “residuos cero”, cun 50% de bonificación para as persoas ou entidades que instalen composteiros individuais ou comunitarios. “Abrimos unha nova senda que prima a redución do consumo e dos residuos que debe ser tratados”, apuntou.

Lage Tuñas sinalou que as ordenanzas fiscais que impulsa o Goberno local son “responsables fiscalmente ao non poñeren en risco a política de ingresos e polo tanto poder manter os servizos que presta o concello; xustas socialmente, porque bonifican as persoas que teñen menos recursos e máis dificultades para poderen acceder a aos servizos básicos; e comprometidas co medio ambiente ao primaren a redución de residuos cunha bonificación novidosa”.

As novas ordenanzas deberán ser ratificadas polo Pleno municipal o próximo 7 de novembro e o voceiro confía en “contar co apoio de todos os grupos políticos”. As ordenanzas, explicou o edil, recollen algunhas das propostas presentadas por Marea Atlántica e BNG, “con quen temos un acordo marco” e “non vexo motivos para que as rexeiten”.

Para o voceiro, o impacto económico das bonificacións é asumible porque “non se produce un desequilibrio grave nas contas e, o que é máis importante, ponse o foco na axuda ás persoas que máis o necesitan”.

A proposta, dixo, responde aos tres eixos sobre os que se asenta o Goberno local: reactivación da economía local, aposta polas políticas sociais e a implementación de actuacións encamiñadas a coidar o medio ambiente.

O concello tamén ten previsto o cambio da ordenanza fiscal núm. 54 reguladora do imposto sobre actividades económicas co cambio de categoría fiscal do lugar de Bens-Refinería que pasa de terceira á primeira e iguálase, deste xeito, á clasificación do municipio de Arteixo. Este cambio no rueiro supón novos ingresos

para as arcas municipais por un importe de máis de 265.000 euros, xa que a Refinería lle pagará ao concello o mesmo que lle paga ao Concello de Arteixo. “De este xeito, recuperamos ingresos que ata agora non tiñamos”, dixo Lage.

O voceiro anunciou que o Goberno local vai reforzar a Unidade de Inspección de Tributos con dúas novas prazas, “unha delas se cubrirá de forma inminente neste mesmo mes e a outra antes de que finalice o ano”.

O resto das modificacións céntranse na corrección de erros de menor relevancia. “Trátase de actualizar as ordenanzas co fin de mellorar a xestión do día a día do concello”, sinalou Lage. Todos os expedientes contan co visto e prace do Tribunal Económico e Administrativo municipal.